01 maio 2024

SonDeSeu, a orquestra vencellada á ETRAD, presenta 'Entreterras'. Con SÉS, Hirahi Afonso e Daniel Pereira. 24 de maio | 21.00 horas Teatro Afundación (Vigo). 2 de xuño | 19.00 horas Pazo da Cultura (Narón)


SonDeSeu, a orquestra vencellada á ETRAD, presenta 'Entreterras', un novo directo no que as músicas de raíz de SÉS, Hirahi Afonso e Daniel Pereira transforman o repertorio da orquestra

  • Vigo e Narón acollerán esta primavera os dous concertos semiacústicos de presentación do proxecto, fiado por un meridiano sonoro que une, sobre o escenario, as propostas das artistas de Galicia, Portugal e Canarias 
  • A primeira cita con Entreterras será o 24 de maio no Teatro Afundación de Vigo, mentres que o 2 de xuño o directo terá lugar no Pazo da Cultura de Narón 

Un meridiano invisible tece un fío sonoro que a través das músicas de raíz, une xeograficamente a Galicia, Portugal e Canarias. Así nace Entreterras, o novo proxecto de SonDeSeu, no que a Orquestra Folk de Galicia se acompañará de artistas comprometidos coa innovación e o respecto ás músicas tradicionais dos seus territorios. A galega SÉS, o portugués Daniel Pereira e o canario Hirari Afonso compartirán escenario co medio cento de intérpretes de SonDeSeu nesta nova proposta musical, que conta co apoio da Xunta de Galicia, e que o público poderá descubrir tanto o 24 de maio no Teatro Afundación de Vigo coma o 2 de xuño no Pazo da Cultura de Narón. As entradas para gozar das melodías e ritmos destas Entreterras en Vigo están á venda desde hoxe, 24 de abril, na plataforma ataquilla.com, mentres que os billetes para Narón estarán dispoñibles proximamente en padroadodecultura.es.

O espectáculo, que dá continuidade a Arraianos (2018) na aposta pola visualización e reivindicación das músicas ibéricas, preséntase cun rechamante cartel, coroado pola imaxe dun volcán en erupción, un fenómeno que transforma o territorio ao seu paso. Este volcán representa, segundo Anxo Pintos, presidente da Fundación SonDeSeu, “a creación e destrución da paisaxe, ao igual que as músicas de SÉS, Hirahi Afonso e Daniel Pereira transforman, dun xeito vibrante e ateigado de luz, o repertorio da nosa orquestra”. 

Nesta ocasión, SonDeSeu propón ao público unha viaxe sonora a través de dous concertos semiacústicos, con arranxos e adaptacións que nacen das creacións de artistas de referencia nos seus territorios. “Escollimos figuras que destacan polo seu compromiso coa cultura de cadanseu lugar e mais pola súa innovación e o seu respecto á tradición tanto á hora de compoñer e producir como de interpretar”, sinala o presidente de SonDeSeu.  

Así, desde a voz da cantareira e pandeireteira María Xosé Silvar, SÉS, creadora de himnos que transitan entre a tradición oral e o rock and roll, Entreterras percorre a música da creadora coruñesa para dar paso á discografía doutro grande activista cultural, neste caso do norte de Portugal, como é o cantante e tocador de corda pulsada Daniel Pereira Cristo. Coñecido pola súa destreza co cavaquinho, a súa arte entronca con outro instrumento irmán, dunha costa que –ao igual ca Cabo Verde, Azores ou Madeira– tamén baña o Atlántico: o timple, que nesta ocasión toca o canario Hirahi Afonso quen, con dous discos ás costas, “representa a esa nova xeración de intérpretes excepcionais, cunha narrativa creativa a cabalo entre a tradición e a contemporaneidade”, apunta Pintos. 

A posta en relación das músicas e relatos de SÉS, Pereira e Afonso neste Entreterras non é casual. “Seguimos a tecer unha historia que tamén se pode narrar a través das cordas deses instrumentos que viaxaron polo Atlántico levando as tradicións peninsulares e insulares polo mundo adiante”, expón Pinto. Precisamente o director de SonDeSeu salienta o verso Lo puro es la mezcla. La mezcla es lo puro, do último traballo discográfico de Hirahi Afonso, para poñer en valor a confluencia que se dá neste proxecto.  Ao cabo, tal e como expón Pintos, “Entreterras é unha mostra máis da mestura e da evolución que están a vivir as músicas de raíz. Tamén a galega”.  

BIOGRAFÍA SONDESEU

A Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu nace hai vinte anos no seo do extinto Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo, a actual ETRAD. A agrupación explora a fusión e mestura das músicas patrimoniais con elementos contemporáneos. A posta en valor da música de raíz ao longo destas dúas décadas materializouse en numerosos proxectos de investigación no ámbito da música folk, traballos discográficos ou eventos singulares, alén da participación en múltiples festivais e auditorios europeos. 

Neste 2024, medio cento de músicos conforman o corazón dunha orquestra única en Galicia que, baixo a dirección de Xaquín Xesteira, conta con nove seccións instrumentais: arpa céltica, buzuqui, canto, contrabaixo gaita, percusión, requintas, violín e zanfona. Para máis información sobre SonDeSeu, pódese visitar https://sondeseu.org/

SOBRE SÉS

SÉS é unha cantautora de longa traxectoria que constitúe toda unha icona no panorama actual galego. A súa prolífera obra segue a ter plena presenza despois de 13 anos de actividade e 8 discos grazas á súa excepcional capacidade artística e ao seu carisma e forza no escenario. A estética ecléctica que a caracteriza, que combina influencias tradicionais propias cos múltiples estilos dos que se foi nutrindo (canción de autora, folclor latinoamericano, rock & roll…) supedítase á expresividade literaria das cancións.  

SOBRE DANIEL PEREIRA CRISTO

Daniel Pereira Cristo é un músico e cantautor portugués recoñecido pola súa implicación coa palabra, a música e os instrumentos cordófonos tradicionais (cavaquinho, viola braguesa, etc.). O seu álbum debut, Cavaquinho cantado (2018), foi distinguido co prestixioso galardón Premio Carlos Paredes. A súa música reflicte a súa paixón pola cultura portuguesa e pretende promover a diversidade cultural e a pluralidade tanto no seu país coma no mundo. 

SOBRE HIRAHI AFONSO

Hirahi Afonso é un dos músicos máis brillantes das novas xeracións de intérpretes. Non é só un timplista: é o artífice dunha revolución na música tradicional canaria grazas ás súas creacións. O seu segundo disco Lo puro (2023), no que colaboran figuras como Pedro Guerra, Xabier Díaz ou Valeria Castro, conecta a tradición cosas sonoridades máis innovadoras. Ofrece unha experiencia sonora na que o timple é o condutor dunha viaxe que transita entre estilos tan diferentes como a electrónica, o flamenco ou o rap. 

CONCERTOS 'ENTRETERRAS'

24 de maio | 21.00 horas
Teatro Afundación (Vigo)
Entradas: https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/otras-musicas/teatro-afundacion-vigo/17438--sondeseu-entreterras.html

2 de xuño | 19.00 horas
Pazo da Cultura (Narón)
Entradas á venda en padroadodecultura.es

23 abril 2024

Curso. O Bodhrán. Xaquín Xesteira 03, 31 de maio e 07 de xuño de 2024. EXTRAESCOLARES ETRADVIGO 2023-24


Xa está aberto o prazo de inscrición para o novo e derradeiro curso de ampliación de estudos. O bodhrán será o obxecto deste monográfico impartido polo mestre Xaquín Xesteira ao longo dos venres 3 e 31 de maio e 7 de xuño. Na primeira sesión, traballaremos sobre os ritmos base dos xéneros máis importantes da música tradicional irlandesa , e nas dúas seguintes mesturaremos eses ritmos base con outras combinacións dentro de cada xénero. Cada asistente debe achegar o seu  propio instrumento

 
Curso Curta Duración. O Bodrhán. 

03, 31 de maio e 07 de xuño de 2024.

Xaquín Xesteira.

De 16:00- a 19:00 HS.

Prezo curso: 26 EUR.

Inscrición universal

Matrícula aberta 

ata o  tres de maio.

Gratis para o alumnado

de Itinerario Medio e Avanzado.

01 abril 2024

ARRORRÓ no Espazo Simia. Sábado 13 de Abril. 13:00H

 ARRORRÓ, o grupo de Conxunto II do Itinerario Avanzado ao vivo no Espazo Simia.

Sábado 13 de Abril

13:00hs


A ETRAD NA RECONQUISTA. ETRAD ZANFONA ENSEMBLE. Pza. do Berbés.Sábado . Banda de Gaitas e Percusión da ETRAD. Porta do sol ,Domingo 07/ABR. 12:30H


A ETRAD estará representada polo ETRAD Zanfona Ensemble o sábado 06/ABR ás 19:00H e

a Banda de Gaitas e Percusión da ETRAD na Porta do sol o domingo 07/ABR ás 12:30H na Festa da Reconquista.

Aló nos vemos!



19 marzo 2024

A ETRAD no VIRA FEST (Paredes de Coura) ARRORRÓ (Showcase) Anxo Pintos (Talk). Sábado 23/MAR dende as 11:15. Centro Cultural de Paredes de Coura. EXTRAESCOLARES ETRADVIGO 2023-24

O vindeiro sábado 23 de marzo a ETRAD estará con presenza dobre na edición 2024 do VIRA FEST organizado pola Escola de Rock de Paredes de Coura. O VIRA FEST é un evento de entrada libre e aberto a calquer persoa interesada (con ou sen formación musical), que promove o intercambio de coñecementos entre escolas e proxetcos de educación musical, dando a coñecer diferentes abordaxes educativas, percursos de ensino e saídas profesionais nesta área.  

LUGAR:  Centro Cultural de Paredes de Coura. 

As 11:15 o mestre de zanfona, Anxo Pintos falará sobre a experiencia educativa da ETRAD así como tamén de SonDeSeu e as conexións entre esta orquestra e a nosa escola.

Ás 11:45 ARRORRÓ, subirá ao palco para presentaren o seu repertorio, froito de dous anos de traballo na asignatura de Conxunto Instrumental I E II do Itinerario AVANZADO.

15 marzo 2024

MÚSICA COA ESCOLA. Programa de Concertos Didácticos da Concellería de Educación. @s mestr@s da ETRAD presentan VOCASÓNS. Auditorio do Concello de Vigo. Luns 18, martes 19, mércores 20, de 12:00hs a 13:00hs Xoves 21/MAR en dobre sesión: de 10:00 a 11:00 e de 12:00 a 13:00hs. Entrada reservada aos centros de ensino participantes



A Concellería de Educación do Concello de Vigo, a través das súas escolas municipais de música, presenta un ano máis o programa “Música coa escola”, co obxecto de facer partícipes aos centros de ensino de primaria e secundaria da cidade da promoción e desenvolvemento de actividades artísticas e creativas relacionadas coa música.



O programa, do que xa teñen coñecemento dende o primeiro trimestre deste ano escolar os centros educativos públicos e concertados da cidade, está dirixido ao alumnado de Primaria e de Secundaria e consiste no traballo previo sobre a unidade didáctica facilitada nas aulas e a posterior programación de concertos didácticos no Auditorio municipal (en horario matinal por parte do profesorado das escolas municipais de música). 


A Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional (ETRAD), presentará a 1.120 escolares VOCASÓNS.

A nosa cultura musical foi especialmente sensible á chegada e incorporación de ritmos, xéneros e melodías que hoxe en día forman parte do noso acervo musical en convivencia coas máis tradicionais como a muiñeira.

A transmisión oral foi, e segue a ser, a principal ferramenta de aprendizaxe na música tradicional. As palabras son, por tanto, protagonistas principais en todas as músicas do mundo e, por suposto, na nosa. 

As palabras que dan nome aos ritmos cos que bailamos, tocamos e cantamos teñen, á súa vez, unha historia que nos contar.

Con Vocasóns queremos, coa complicidade da comunidade escolar, render un tributo musical ás verbas e ás línguas do mundo que son, sen dúbida algunha, unha das mellores e máis importantes creacións da humanidade.. Para este percorrido tan diverso, as mestras e mestres da escola, amosarán e tocarán todos os instrumentos das especialidades que se ensinan na escola: Arpa céltica, acordeón diatonico, canto popular, gaita, bouzouqui, percusión tradicional, requinta, violín folk e zanfona.

Cada música estará acompañada por un vídeo especialmente deseñado para o concerto por @CasaGallinitas, finalistas na vixente edición dos Premios Youtubeiras e que son parte do alumnado da nosa escola.


- Programa Música coa Escola

- VOCASÓNS

- Concertos Didácticos dos mestres da ETRAD

- Concellería de Educación. Concello de Vigo

- Marzo. Luns 18, martes 19, mércores 20, de 12:00hs a 13:00hs 

- Xoves 21 en dobre sesión: de 10:00 a 11:00 e de 12:00 a 13:00hs. 

- Entrada reservada aos centros de ensino participantes

Extraescolares ETRADVIGO 2023-24. AUDICIÓN DE PRIMAVERA. Auditorio Municipal de Vigo. Venres 23/MAR. 18:00H. Entrada Libre ata completar aforamento

O vindeiro venres 23 de marzo dende as 18:00h., celebraremos a Audición de Primavera da ETRAD no Auditorio Municipal de Vigo. Contaremos con unha numerosa representación das especialidades instrumentais da escola:  Arpa Céltica, Acordeón Diatónico, Canto Popular, Corda Pulsada, Gaita, Percusión Tradicional, Requinta, Violín Folk, Zanfona e xs miúdxs de Música e Movemento. Estarán tamén algúns dos conxuntos instrumentais e aulas abertas. Todxs elxs, converterán o palco do auditorio nunha festa na que celebrar a chegada da primavera e amosar as músicas aprendidas no segundo trimestre.

Agardámosvos!

Extraescolares ETRADVIGO 2023-24

AUDICIÓN DE PRIMAVERA da ETRAD

Auditorio Municipal de Vigo. 

Venres 23/MAR. 18:00H. 

Entrada Libre ata completar aforamento

08 marzo 2024

EXTRAESCOLARES ETRADVIGO 2023-24. CURSO: PERCUSIÓNS MIÚDAS (TARRAÑOLAS, CULLERES, CARRIZO. CHUCO ESTÉVEZ. 15/MAR, 12/ABR, 10/MAI.

Presentámosvos un novo curso de ampliación de estudos da ETRADVIGO arredor das percusións miúdas (Tarrañolas, culleres e carrizo). Serán os días 15/MAR, 12/ABR e 10/MAI  de 16:00H a 19:00H na aula 5 coa inscrición universal aberta ata o 15 de marzo.


 

EXTRAESCOLARES ETRADVIGO 2023-24

CURSO: PERCUSIÓNS MIÚDAS (TARRAÑOLAS, CULLERES, CARRIZO.

CHUCO ESTÉVEZ.

15/MAR, 12/ABR, 10/MAI. 

PREZO: 26 EUR

INSCRICIÓN UNIVERSAL NA SECRETARÍA DA ETRAD ATA O 15 DE MARZO DE 2024

GRATUÍTO PARA O ALUMNADO DE MEDIO E AVANZADO DA ESCOLA.

06 marzo 2024

EXTRAESCOLARES ETRADVIGO 2023-24. Iº ENCONTRO DE ESCOLAS EMMA VIGO 11,12,13/MAR.


Durante o mes de marzo e abril, as escolas municipais de Vigo realizarán varios intercambios artísticos nas súas instalacións. Os primeiros serán o 11 na EM de Teatro,o 12 na EM de Música e o mércores 13 de marzo na nosa escola.

Convidamos a todo o alumnado da escola a asistir o mércores 13 de marzo no Auditorio Milladoiro da ETRAD á representación e concerto das EM de Música e de Teatrot ás 20:00h.
Co obxecto de facilitar a presenza e desfrute do alumnado que ten aulas a esa hora e día, suspenderanse as aulas de 20:00h a 21:00h da tarde do mércores.

O principal obxectivo destas representacións, é propiciar unha interacción entre alumnado e familiares de cada escola para que coñezan e poñan en valor os variados proxectos educativos.

É importante ter en conta que as disciplinas artísticas son complementarias unhas das outras e retroaliméntanse entre si.

Achegamos cartel informativo da actividade artística durante o mes de marzo:
Luns 11 de marzo ás 20:00 h na Escola Municipal de Teatro
Martes 12 de marzo ás 20:00 h na Escola Municipal de Música
Mércores 13 de marzo ás 20:00 h na Escola Municipal de Música Folk e Tradicional

05 febreiro 2024

EXTRAESCOLARES ETRADVIGO 2023-24. CURSO: PERIFÉRICOS ELECTRÓNICOS PARA DIRECTO E ESTUDIO. XOSÉ LIZ. VENRES 16-23/FEB - 02/MAR.


 Neste novo curso de ampliación de estudos impartido polo mestre Xosé Liz, trataremos a técnica para o emprego de elementos necesarios para instrumentos de liña e micrófono (pedaleiras, loopers, pastillas, DI..) tan importantes nas actividades escénica e no eido do estudio profesional. 

 

CURSO DE AMPLIACIÓN DE ESTUDOS. 
XOSÉ LIZ. 
PERIFÉRICOS ELECTRÓNICOS PARA DIRECTO E ESTUDIO. 

VENRES 16-23/FEB - 02/MAR.


AULA 5. 16:00-19:00hs.

Inscrición universal  ata o 16/FEB na secretaría da escola.

Prezo: 26 EUR.

Gratuíto para alumnado de medio e avanzado.

23 xaneiro 2024

EXTRAESCOLARES ETRAD 2023-24. O ETRAD ZANFONA ENSEMBLE NO FESTIVAL ALUMÉAME. SALA REBULLÓN (MOS). DOMINGO 28/XAN. 17:00H

O vindeiro domingo 28 de xaneiro o ETRAD ZANFONA ENSEMBLE estará no ALUMÉAME, o IX Festival Solidario de recollida de alimentos que organiza a A.C. Tangaraño na Sala Rebullón (Mos) dende as 17:00h.

Xunto á formación da nosa escola, participan no festival O Mago Marco, a Banda-Escola de Música de Chapela, os grupos Cantaruxa e Aveluria, e a A.C. Tangaraño.

 Se queres asistir, leva 1 Kg. de comida non perecedoira para doar ao banco de alimentos de Mos

EXTRAESCOLARES ETRAD 2023-24. 

ETRAD ZANFONA ENSEMBLE NO FESTIVAL ALUMÉAME. 

SALA REBULLÓN (MOS). 

DOMINGO 28/XAN. 

17:00H

ENTRADA: 1KG. DE COMIDA NON PERECEDOIRA

10 xaneiro 2024

EXTRAESCOLARES ETRADVIGO 2023-24. CURSO DE AMPLIACIÓN DE ESTUDOS. CARME LÓPEZ. MÚSICA NA COCIÑA.INICIACIÓN AOS INSTRUMENTOS DE FORTUNA. VENRES 12 /19/26/XAN. 2024



Principiamos o ano con MÚSICA NA COCIÑA, o curso de ampliación de estudios adicado ao instrumentos de fortuna. Neste obradoiro realizarase un achegamento á interpretación musical dalgúns dos obxectos cotiás que se teñen empregado tradicionalmente para a creación dun sustento rítmico para a voz: tixolas, latas, botellas de anís, pratos ou culleres serán as ferramentas básicas para traballar diversos acompañamentos rítmicos e xeitos interpretativos.

CURSO DE AMPLIACIÓN DE ESTUDOS. 
CARME LÓPEZ. 
MÚSICA NA COCIÑA.INICIACIÓN AOS INSTRUMENTOS DE FORTUNA. 
VENRES 12 /19/26/XAN. 2024

AULA 5. 16:00-19:00hs.

Inscrición universal 

ata o 12/XAN

na secretaría da escola.

Prezo: 26 EUR.

Gratuíto para alumnado

de medio e avanzado.


04 xaneiro 2024

A ORQUESTRA FOLK DE GALICIA SONDESEU & CORAL POLIFÓNICA DE RIBADEO AO VIVO. CONCERTO DE REIS DE RIBADEO. IGREXA PARROQUIA. 04/XAN. 20:45H.



A Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu, a  formación viguesa na que participa o alumnado da asignatura de práctica orquestral da ETRAD, estrea o 2024 co Concerto de Reis de Ribadeo coa colaboración da Coral Polifónica de Ribadeo. Será na Igrexa Parroquial ás 20:45 hs. A entrada é de balde ata completar aforamento.

Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu & Coral Polifónica de Ribadeo

Concerto de Reis de Ribadeo

Igrexa Parroquial

20:45

Entrada de balde ata completar aforamento

13 decembro 2023

EXTRAESCOLARES ETRADVIGO 2023-24. AUDICIÓN DE NADAL. AUDITORIO MUNICIPAL DE VIGO. XOVES 21/DEC. 18:00HS




 O vindeiro xoves 21 de decembro celebraremos a tradicional Audición de Nadal da ETRAD. Será no Auditorio Municipal de Vigo ubicado na Praza do Rei. Desde as 18:00hs, os estudantes das especialidades de Arpa Céltica, Acordeón Diatónico, Canto Popular, Corda Pulsada, Gaita, Percusión Tradicional, Requinta, Violín Folk e Zanfona, xunto ao alumnado do Conxuntos instrumental de 3º de Básico, ateigarán o palco coas melodías e cantigas aprendidas ao longo deste primeiro trimestre.

Agardámosvos cun sorriso nos beizos e os instrumentos preparados!

EXTRAESCOLARES ETRADVIGO 2023-24. 

AUDICIÓN DE NADAL. 

AUDITORIO MUNICIPAL DE VIGO. 

XOVES 21/DEC. 

18:00HS

ENTTRADA LIBRE E DE BALDE

ATA COMPLETAR AFORAMENTO

 

04 decembro 2023

EXTRAESCOLARES ETRADVIGO 2023-24. CURSO DE AMPLIACIÓN DE ESTUDOS. ALFONSO FRANCO. FONTES DA MÚSICA TRADICIONAL GALEGA. 15 DEC/ 02 FEB/ 08/MAR


Abrimos o prazo de matrícula para o novo curso de ampliación de estudos da ETRAD. Nas tres sesións impartidas nos meses de decembro, febrero e marzo, faredes co mestre Alfonso Franco, un percorrido polas fontes da música tradicional galega, visitando os principais cancioneiros,  gravacións e recursos videográficos dispoñibeis dende principios do S.XX  co Coro Aires da Terra, ata os artistas do presente como Tanxugueiras ou Baiúca.


EXTRAESCOLARES ETRADVIGO 2023-24. 

CURSO DE AMPLIACIÓN DE ESTUDOS. 

FONTES DA MÚSICA TRADICIONAL GALEGA

ALFONSO FRANCO.

 15 DEC/ 02 FEB/ 08/MAR

PREZO: 26 EUR

GRATUÍTO PARA ALUMNADO DE MEDIO E AVANZADO

MATRÍCULA ABERTA ATA O 15 DEC/2023

09 novembro 2023

Suspendida a Festa de Outono programada para este venres 10 de novembro, debido ás desfavorables previsións meteorolóxicas.

 

Comunicámosvos a suspensión da Festa de Outono programada para este venres 10 de novembro, debido ás desfavorables previsións meteorolóxicas.

Desculpade as molestias.

05 novembro 2023

EXTRAESCOLARES ETRADVIGO 2023-24. CURSO DE AMPLIACIÓN DE ESTUDOS. BEGOÑA RIOBÓ. REPERTORIO IBÉRICO BÁSICO. 17/24/NOV, 01/DEC.

                           


Neste novo curso de ampliación de estudos impartido pola mestra, Begoña Riobó, achegámosvos o  contacto co repertorio musical tradicional doutras comunidades da península ibérica, nomeadamente o de Asturias, Euskadi, Castela e Norte de Portugal. 

Ao longo das nove horas dispostas en tres sesións en venres consecutivos, revisaremos xéneros e ritmos alén dos galegos, o que nos permitirá estudar tamén as diferencias e similitudes nos xéneros comúns. Inda que o curso vai exposto desde a experiencia no violín, está aberto ao resto de intrumentos melódicos que se imparten na escola.

- Curso de Ampliación de Estudos:

- Repertorio Ibérico Básico

- Imparte: Begoña Riobó

- Datas: 17/NOV, 24/NOV, 01/DEC. 2023

- Lugar: AULA Perfecto Feijóo (5)

- Horario: de 16:00 a 19:00H.

- Prezo: 26 EUR. (Gratuíto para o alumnado do Itinerario Medio e Avanzado).

- Inscrición universal ata o 17/NOV. de 2023 na secretaría da ETRAD.

04 novembro 2023

EXTRAESCOLARES ETRADVIGO 2023-24. FESTA DE OUTONO. PATIO DA ESCOLA. VENRES 10/NOV. DE 17:00H A 19:00H



 Na ETRAD adicámoslle unha festa ao outono este vindeiro venres 10 de novembro. 

Dende as cinco da tarde ata as sete, convertiremos o patio da escola nun palco aberto con pista de baile incluída e unha mesa de merendas.

Convidamos a toda comunidade da ETRAD e tamén á da EMAO a que vos sumedes á festa traendo instrumento, corpo para o baile e, se vos presta,  podedes  traer ademáis algo para merendar (Unhas chulas, castañas...)

Seguro que non chove... ou igual si.

Quedades todxs moi convidadx!s

EXTRAESCOLARES ETRADVIGO 2023-24. 

FESTA DE OUTONO. 

PATIO DA ESCOLA. 

VENRES 10/NOV. DE 17:00H A 19:00H

ENTRADA LIBRE E DE BALDE ATA COMPLETAR AFORAMENTO.


18 outubro 2023

GALAXIA ETRAD 2023-24. A mestra de Arpa Céltica da ETRAD participa na terceira xornada de VIGOFEM organizado pola Concellería de Igualdade.Mércores 18/OUT. 19:00h. Auditorio Municipal de Vigo.

 



A mestra de Arpa Céltica da ETRAD, Begoña Riobó participa na terceira xornada do proxecto artístico-cultural VIGOFEM, organizado pola Concellería de igualdade. do Concello de Vigo co objetivo de promocionar ás creadoras de Vigo. Será na -Charla-Concerto “ MULLERIBUS” que se celebra este mércores, 18 de outubro no Auditorio Municipal ás 19:00h.  Margarita Viso falará sobre o papel das mulleres na música ao longo da historia, a súa trascendencia e a súa presencia na actualidade. Trala charla, gozaremos da música da violinista Begoña Riobó e da cantante Su Garrido Pombo. A xornada pecharás co concerto de “WÖYZA & The Galician Messengers” na Porta do Sol ás 21:00h.


- Charla-Concerto “ MULLERIBUS”

Mércores, 18 de outubro

Lugar : Auditorio Municipal. Praza do Rei

Hora de comezo: 19:00h

Interveñen: Margarita Viso, Begoña Riobó, Su Garrido Pombo


Toda a info sobre VIGOFEM:

A Concellería de Igualdade informa do programa de actividades que, no marco do proxecto VIGOFEM, desenvolveranse na cidade durante a semana do 16 ao 20 de outubro.


VIGOFEM é un proxecto artístico e cultural protagonizado por mulleres que comeza a andar o luns 16 de outubro, coincidindo co DÍA DAS ESCRITORAS.


Durante unha semana do mes de outubro desenvolverase un programa cultural diverso, protagonizado por mulleres, que aspira a dar a coñecer, difundir e poñer no centro da historia e da sociedade, a creación das mulleres, sensibilizando e promocionando os valores de igualdade. Un espazo de reflexión e reivindicación con perspectiva de xénero. Este proxecto persegue crear referentes femininos para as xeracións presentes e futuras en todos os ámbitos ( artísticos, científicos, creativos, sociais, políticos, deportivos, etc) rescatando a moitas mulleres do esquecemento e reivindicando o lugar de todas no centro da historia para acadar recoñecemento e espazos de influencia.

Ten como finalidade a de crear, desde Vigo, e con proxección tanto local como nacional, un espazo onde avanzar nos principios de igualdade, onde difundir a cultura feminista e experimentar e impulsar a creatividade das mulleres, facendo visible a desigualdade de xénero na cultura dominante.



Programa 16 ao 20 de outubro:

.- Encontro Literario “ IMPROVISA”

luns, 16 de outubro

Lugar: galería do MARCO. Rúa Príncipe

Hora de comezo: 19:00h

Interveñen: Xina Vega, Isabel Blanco, Anna Figueiredo, Silvia Penas, Branca Trigo e Miriam Ferradáns.


As escritoras formarán dous grupos por xéneros literarios: narrativa ( Xina Vega, Anna R. Figueiredo e Isabel Blanco) e poesía ( Silvia Penas, Branca Trigo e Miriam Ferradáns). Durante 20 minutos, cada grupo ( 10 minutos cada grupo) improvisará un ou varios textos que serán recollidos en soporte dixital e proxectados mentres se crean.

Unha vez terminadas as roldas de improvisación das autoras, invitarase ao público- tanto adulto como infantil) a participar, por espazo de outros 15 minutos.

Para celebrar o Día das Esscritoras darase lectura textos de autoras previamente elixidas.

Ao remate, o público que o desexe poderá facilitar o seu enderezo electrónico ao que lle enviarán os textos creados como lembranza do I Encontro Literario “ Improvisa”.

.- Peza teatral “ SORPRESA”

Martes, 17 de outubro

Lugar: galería do MARCO. Rúa Príncipe

Hora de comezo: 19:00h

Compañía: Enconarte Producciones

SORPRESA unha peza ó máis puro estilo Enconarte feita por mulleres para falar de mulleres ca excusa dunha festa viaxaremos pola vida de NORA unha muller que deixou a súa profesión para exercer de nai unha muller educada no catolicismo feroz unha muller medicada e bébeda e unha muller intelixente riquiña e sensible e con intensas ganas de xogar de vivir e de amar 20 minutos de tiovivo emocional con moitas moitas risas un espectáculo interactivo sen pelos na lingua que da conta do empoderamento dunha muller.


.- Charla-Concerto “ MULLERIBUS”

Mércores, 18 de outubro

Lugar : Auditorio Municipal. Praza do Rei

Hora de comezo: 19:00h

Interveñen: Margarita Viso, Begoña Riobó, Su Garrido Pombo

Venres 20/OUT

.- Concerto “WÖYZA & The Galician Messengers”

Hora de comezo: 21:00 h

Lugar: Teatro Cine Salesianos




Todas as actividades teñen a entrada libre e gratuíta ata completar o aforamento.

EDUCAFOLK

VIGOFOLK

Folque

A Regueifa Blog

Malmequer

El Rincón del Jarramplas

Arperia

Proxecto Virtual Patrimonio Musical Galego